Friday 10 de May de 2024

Inés Rey salienta o compromiso do Concello co baloncesto e o deporte de base


A alcaldesa e os representantes do Club Básquet Coruña tiveron esta mañá unha primeira toma de contacto en María Pita

alcaldesa Inés Rey e o concelleiro de Deportes, Juan Ignacio Borrego, reuníronse esta mañá co presidente do Club Básquet Coruña, Roberto Cibeira Moreiras, e o vicepresidente, Juan Carlos Fernández Ferreiro. Nesta primeira toma de contacto, os responsables do club informaron da situación dun dos tres equipos de baloncesto que máis traballa o deporte base no Estado, con preto de 700 nenas e nenos inscritos nas súas escolas e equipos federados. Por outra parte, falaron das aspiracións firmes que teñen este ano na entidade para que o equipo profesional pase da Liga Adecco LEB á ACB nunha etapa “ilusionante” como Sociedade Anónima Deportiva.

A rexedora confirmou a implicación do Goberno local por coidar a canteira nunha cidade á que pretenden dotar de máis instalacións coa construción dunha cidade deportiva e a mellora das existentes. Neste aspecto, os representantes explicaron que, a día de hoxe, usan 16 infraestruturas, pero que precisan máis espazo, xa que na actualidade teñen 45 cativas e cativos en lista de espera.

Por outra parte, o labor do Club Básquet Coruña transcende da pista de xogo para manter colaboracións con institucións como a obra social de Caixabank. Por parte do Concello, a alcaldesa e o edil comprometéronse a mellorar as relacións de cara a fomentar o baloncesto na cidade e que a afección e as persoas deportistas medren.